28.1.15

Os Cut-outs como metáfora do noso tempo


Ramón Villares


Catedrático de Historia Contemporánea
Universidade de Santiago de Compostela
 

Presidente do Consello da Cultura Galega


Os usos da palabra cut-out poden ser dunha grande variedade. O seu emprego como técnica artística está estreitamente vinculado á figura de Henri Matisse, que practicou unha sorte de “corta e cola” que na realidade era, segundo as propias palabras do pintor, un modo de “pintar coas tesouras”. Pero esta técnica tamén está asociada a prácticas tan diversas como unha intervención cirúrxica nun fémur, á modificación e limpeza das fotografías (photoshop), ás propostas da indumentaria feminina que desfila nas “pasarelas” da moda e, naturalmente, tamén ás políticas económicas provocadas pola recesión actual e o seu corolario de “recortes” en salarios e prestacións sociais. Non é a única palabra que dá conta da complexidade da sociedade actual, pero é claro que cut-out resume algo do que está a acontecer. E non é por acaso que teña sido un pintor quen mellor cuñou este termo. Daquela tradición bebe a proposta de Arlindo Pintomeira (Deocriste, Viana do Castelo), que propón esta serie de cut-outs como un modo de celebrar as súas vodas de ouro como artista
Na longa traxectoria artística do pintor advírtense varias etapas, diversas conceptualmente e audaces no plano técnico. Un dos seus trazos esenciais é, xustamente, a súa capacidade para experimentar, para encontrar novas formas e novas linguaxes nun panorama como o da pintura contemporánea que está obrigada a mudar constantemente de pel, de se transformar perante os desafíos doutras artes visuais e de estar migrando para novos soportes. Non é doado ser artista nos tempos que corren, de urxencias materiais e de canibalismo das formas: todo muda a grande velocidade porque todo é consumido con fruición. Pero un artista visual, como un poeta, ten a obriga de dar conta do mundo no que vive e mesmo de anticipar algúns dos problemas futuros.
Pintomeira posúe pericia técnica, formación intelectual, coñecemento dos rumos nacionais e internacionais da pintura e, alén diso, una forte vontade experimental. Así chega a esta nova proposta na sua biografía, que é a serie Cut-outs, inspirada na obra que o pintor Henri Matisse desenvolveu nos derradeiros anos da súa vida e que, en datas recentes, foi mostrada en toda a sua amplitude polos prestixiosos museus da Tate Modern e do MOMA. Para Matisse, aquil proxecto tiña sido unha solución crespuscular; para Pintomeira é, pola contra, un novo experimento na madurez da súa traxectoria artística. Despois de indagar no surreal ou de conciliar a arte figurativa coa necesidade da identidade, que marcou boa parte da sua obra, agora trata de entender o mundo actual, no que o fragmentario, o reutilizado, pero tamén os “recortes” forman parte do discurso da sociedade presente, dos seus desafíos e dos seus medos.
Se botamos unha ollada cara atrais, vemos que a obra de Pintomeira conxuga con grande habilidade a perspectiva do real coa capacidade de convertelo nunha metáfora da sociedade líquida na que vivimos. Pero os traballos agrupados nesta nova serie Cut-outs gardan as doses estéticas e lingüísticas da súa traxectoria, aquela que se nutre do desexo, da historia e da narrativa. Os retratos, a propia identidade, compoñen as temáticas principais nas que ven traballando desde a década dos setenta. A súa mirada atravesa a historia nunha conxunción de referentes icónicos da propia Historia da Arte, das vangardas históricas, das tendencias pop e das súas posteriores releituras, dentro dunha construción contextual do suxeito e da busca de reformular unha identidade desde a pintura. Tamén podemos entender a súa obra nun contexto definido polos cambios estéticos e formais do pictórico que se derivan dos anos setenta e oitenta e se afianzan nos noventa nunha constante recuperación da pintura como campo de debate desde a cultura visual, como actualización e canle reflexiva do presente, nun momento social e cultural especialmente activo representado desde e fronte á situación política, portuguesa en primeiro termo e global no seu conxunto.
Deste xeito, a súa obra concilia referentes e ofrece unha riqueza de linguaxes que xermola no ambiente dos anos setenta. A súa serie Surrealista (1972-1978) compón a engrenaxe de referencias próximas ao vocabulario e escenario que relatou Bretón, nun estilo que profunda e dixire un surrealismo narrativo, na liña de Dalí, Magritte ou Paul Delvaux, nesa comprensión da creación nunha dimensión do soño, do onírico e do literario. Serán cadros con referencias a estilos e épocas singulares na Historia da Pintura —Barroco, Romantismo—, e temáticas de retratos e paisaxes, con mulleres espidas, que reservan un final de relato identificado co cotián, cunha velada incerteza. Os seus traballos gardan sempre un murmurio de transvasamento, de busca e seguimento de tendencias, como vemos co pop ou coa nova figuración, en obras que miran por momentos ao publicitario, bebendo da cultura audiovisual, do cinematográfico, do icónico.
Serán estas bases estéticas as que irán moldando e deseñando, en parte, as súas seguintes producións. O pop adquire o seu corpo principal, sen esquecer as referencias ás novas figuracións, nas series Outlines (1992-1999) e New line (1999-2007). As temáticas seguen propoñéndose desde o social, en retratos que beben do cotián, dun comportamento e experiencia familiar. Acentúanse os estilos, as obras revístense de liñas e perfís, de campos de cores planas, xerando unha sorte de mosaico ou vitrinas, de composicións nas que toda a superficie se invade de pintura, de espazo e de recursos figurativos, e onde a referencia corporal se concentra en caras e corpos, mans e siluetas, retrincos de miradas, onde se anula a perspectiva e se incentiva unha busca do emblema. Na serie Faces (2003-2010) e, dun modo máis directo, en Interiors ( 2008-2011) e Exteriors (2011-2012), aparecen en primeiro plano figuras recortadas, fragmentadas e secuenciadas, televisivas e urbanas, que cadran ben co que se ten chamado a “irremediabilidade do Pop”. Unha mirada na que resulta central o publicitario, o icónico para a construción dun lugar; e unha escenografía na que, como nun escaparate ou nunha pantalla de televisión, as figuras se repiten presentando un acontecemento, un momento presente, tamén fugaz.
En toda a obra de Pintomeira, a mirada posúe unha intención transmisora, manifesta un desexo de narrar e fascinar, aspira a converter en imaxes os recordos do cotián. Trátase de recoñecer e repensar o pasado e de activar unha narrativa do uso, do inmediato, sen esquecer a poética do paso do tempo. A este estilo responde esta nova serie Cut-outs, que rexistra e condensa todas esas fontes e miradas que integran a súa traxectoria e que se resignifican mediante unha técnica precisa, a do “recorte”, do collage e da recomposición dunha obra que adquire un sentido diferente das partes que a integran. Pero alén da técnica que ten xa unha gramática precisa, observamos nesta serie unha interpretación do presente desde a propia historia. A construción de relatos de personaxes, singularizados en facianas e retratos, é presentada a partir dun tempo distante, dun pasado que se descubre e que se encontra, como unha sorte de reconstrución arqueolóxica da narrativa da propia pintura. A súa execución, a base de compoñer retrincos e fragmentos de papeis, reside nun tempo presente pero tamén nun territorio pretérito, presentados no agora a modo de recordos, de partes seccionadas da memoria. Deste xeito, serán rostros de mulleres, perfilados en lapis na liña sutil e precisa, veraz, propios do fotográfico e do hiperrealismo, os que comparten composición con abstraccións, con manchas de veladuras e xestos da erosión. Son obras que se orixinan no cruzamento de alta e baixa cultura, que podería mirar a través da cultura da imaxe visual, pero sen perder unha vinculación co realismo, como se advirte no emprego de series fotográficas, en retratos e escenografías.
Outras composicións de Cut-outs beben dun pasado de pinturas murais, realizadas ao fresco, que podemos ver nas obras da Arte Medieval que, vinculadas á arquitectura, ocupan bóvedas ou claustros, ou nos muros de templos das culturas da Antigüidade, e que agora, nun exercicio de “proximidade”, semellan recuperarse nunha vontade narrativa facendo do propio proceso de recuperación, do traballo dun restaurador ou arqueólogo, un xesto de pictorialización da propia pintura, da propia cultura. A cor, os rostros e mans configuran o espazo; queda unha referencia insistente dos ollos, da mirada, como das mans, que se relaciona coa propia dimensión física da pintura, do paso do ser humano, da súa identidade táctil para vencer ao tempo. Os seus traballos traducen o pasado nunha lóxica similar á da escritura a partir das fontes, dos lugares, dos recordos, dos acontecementos. Vemos e retemos o que recordamos. Deste xeito, a historia preséntase como unha capa máis —case como unha fotografía—, unha veladura e unha película de pigmentos brancos ou azuis, remarcando un pasado metafórico, a través do filtro da propia pintura. Son escenas dun tempo definido, personaxes habituais, nais e fillos atrapadas en cronoloxías precisas, nun primitivismo que xera unha aparencia ou ilusión de pasado, mentres outros semellan encontrados no noso mesmo territorio.
Pintomeira compón, de forma deliberada, un fresco da sociedade actual, mediante o emprego dunha técnica que ten moito de polisémica. No caso das artes, esta técnica privilexia o fragmentario e, ao propio tempo, crea unha estética nova na que todo se deconstrue e reconstrue constantemente. Miradas quer fragmentadas quer repetidas que, malia todo, axudan a entender a complexidade do mundo actual. Unha complexidade na que se combina a identidade persoal e comunal cunha memoria incerta e desvaída, mediante esta combinación dos estratos da historia coa mirada inquisitiva de quen está a preguntarse polo futuro. Este é debate que, por ser vello, nunca deixou de ser novísimo: para entender o universal, é preciso partir do concreto ou, para decilo con palabras do poeta Miguel Torga, de considerar que “o universal é o local sem paredes”.